Escaiola


Colaboradores dos proxectos da Wikimedia

Article Images

A escaiola é un produto industrial, un xeso de alta calidade e gran moi fino, cunha pureza maior do 80 % en sulfato de calcio hemihidratado (CaSO4·½H2O),[1] que se obtén do xeso natural.[2] A palabra provén do italiano scaglióla, diminutivo de scáglia, do latín scaliolae, unha pedra branda lixeiramente parecida ao talco.

Teito decorado con elementos de escaiola (1763–71), no Museo Metropolitano de Arte de Nova York.

Ata principios do século XIX entendíase como escaiola unha mestura de xeso con xeso espático, amasado con auga de cola. Desde o punto de vista tradicional a diferenza entre xeso e escaiola é a súa pureza e diferente granulometría (a escaiola é máis fina). Mentres que o xeso ten pureza maior do 70 %, a escaiola ten que ter pureza maior do 90 %. Desde o punto de vista industrial non existe diferenza entre xeso e escaiola.

Unha vez fraguada, a composición química da escaiola é maioritariamente sulfato de calcio dihidratado: CaSO4·2H2O xunto con restos de xeso industrial (sulfato de calcio hemihidrato, CaSO4·½H2O) e anhidrita en fase III (CaSO4), cunha maior ou menor proporción que lle confiren características diferentes.

  • Pasta: a escaiola preséntase en estado pulverulento, envasada en sacos duns 20 kg. Amasada con auga úsase en enlucidos onde se require un acabado moi fino (acabados sobre gornecidos de xesos bastos), suxecións (en xeral xunto con esparto). Mesturada con aditivos emprégase para estucos.
  • Conformado: a escaiola moldéase en fábricas ou obradoiros con formas diversas, para a confección de elementos decorativos: columnas, bustos, molduras e incluso mobles.
  • Placas: a escaiola mestúrase con micro-fibra de vidro para formar placas cunha resistencia aceptábel. Empréganse para a elaboración de falsos teitos ou paneis para divisións de espazos interiores.
  • Mesturada con perlita alixéirase e dálle propiedades especiais para o seu uso como illante, protección contra o lume etc.
  • Ao mesturar ao 3 ou ao 7 % con pegamento de escaiola, conséguese un retardo no fraguado do material para a súa aplicación en enlucidos finais.

Escaiola para a obtención de moldes

editar

 
Colección de reproducións de esculturas en escaiola

A escaiola utilízase para a fabricación de moldes na produción de cerámica, polos procedementos de aperta, colado, torneado e prensado RAM. Nesta aplicación aprovéitase a capacidade de absorción, por parte da escaiola, da auga contida no barro, o que facilita a modelaxe e confire dureza e solidez á peza reproducida.

Tamén se empregan moldes de escaiola para a reprodución de esculturas e outros volumes en materiais diversos como resinas, papel encolado, poliuretanos, látex, escaiola, siliconas e mesmo metais de baixo punto de fusión.

Existen distintos tipos de escaiolas especiais: tipos beta e alfa (estas últimas con aditivos) axeitadas para variadas aplicacións.

Escaiola para obtención de pezas

editar

 
Diferentes elementos de escaiola nun teito barroco

A escaiola tamén se emprega hoxe en día, na decoración de paredes e teitos a través de pezas prefabricadas neste material, antigamente era o esparto a compoñente de reforzo empregado neste material, mais na actualidade tamén se empregan compostos máis modernos como fibras de vidro ou mallas deste último material de non máis de 0,5 mm de cuadrícula.

As pezas que se poden fabricar varían segundo o estado de esixencia do proxecto que se desexe executar, mais tamén se dispón de pezas prefabricadas no mercado: molduras, cornixas, frisos, beirís, floróns, plafóns, ceos rasos, luces de teatro, balaústres, furnas, capiteis, tabiques...

  1. A composición química pode describirse tamén como sulfato cálcico semihidratado, e a fórmula como CaSO4·0,5H2O
  2. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte «Escayola». Tesauros del Patrimonio Cultural de España. (Consultado o 7 de febreiro de 2019)