Sara Suárez Solís
Colaboradores dos proxectos da Wikimedia
Article ImagesSara Suárez Solís, nada en Oviedo no 1925 e finada na mesma cidade o 15 de maio do 2000, foi unha docente, novelista, articulista e feminista asturiana.
Sara Suárez Solís (derecha) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1925 Oviedo, Asturias |
Morte | 15 de maio do 2000 Oviedo, Asturias |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Oviedo |
Actividade | |
Ocupación | Catedrática, escritora |
Período de actividade | Século XX |
Xénero artístico | Novela |
Lingua | Castelán |
Obra | |
Obras destacables Camino con retorno | |
Familia | |
Irmáns | Rafael Suárez Solís (en) |
Premios | |
Premio de Asturias de novela (1984) XXXV Premio Ateneo Cidade de Oviedo de novela curta | |
Suárez Solís viviu a guerra civil española e a posguerra en Oviedo. Malia as limitacións que sufriron as mulleres durante a ditadura, conseguiu estudar unha licenciatura en Filoloxía Románica na Universidade de Oviedo. Doutorouse en Filosofía e Letras pola mesma institución, cunha tese sobre o uso da lingua na obra de Camilo José Cela.[1]
Posteriormente, foi profesora en diversos institutos asturianos, coma o Instituto Laboral de Tapia de Casariego e o de Luanco, até que logrou a cátedra de Lingua e Literatura, que exerceu en institutos de Tortosa, Vitoria, La Felguera e Avilés.[1]
No 1968, foi destinada ao Instituto Jovellanos de Xixón, que naquel momento era exclusivamente masculino, e do que chegaría a ser directora.[1] Logo, incorporouse á Escola de Formación do Profesorado de Oviedo, xubilándose no 1990.[1]
Xunto co seu labor docente, desenvolveu unha intensa actividade académica e investigadora, así como unha importante creación literaria.
A súa tese de doutoramento constituíu a base do seu libro El léxico de Camilo José Cela (1968).[1] Outras das súas obras académicas son Análisis de "Belarmino y Apolonio" (1978) e Aportación al léxico de Luanco (1983).
No 1978, escribiu a súa primeira novela, Camino sin retorno, que foi finalista do premio Planeta no 1980.[2] Está considerada "un dos máis notables retratos literarios da sociedade española baixo o franquismo".[3]
Entre os seus títulos, destacan Juegos de verano (1982), Un jardín y un silencio (1985), Blanca y radiante (1988), Sonata para doce manos (1996) e Retablo de paseantes (1998).[1][3]
Suárez Solís foi unha convencida feminista, que defendía abertamente as súas ideas. Nas súas palabras: "Gústame o cartel de feminista. Non o busquei. Defendín á muller porque pensei que debía ser defendida".
No seu papel como articulista no xornal asturiano La Nueva España, escribiu sobre cuestións relacionadas co feminismo. Algúns destes artigos, e varios dos seus contos, foron reunidos polo Principado de Asturias no 1991, nunha escolma titulada ¡Mujer, Mujer...![1][4]
No 2006, a Tertulia Feminista Les Comadres rescatou cincuenta dos seus artigos polo seu compromiso coa causa das mulleres, xa que "as súas análises da realidade seguen aínda vixentes".[4]
Pola súa traxectoria feminista e literaria, Suárez Solís recibiu varias distincións institucionais e privadas. En marzo do 1999, a Agrupación Municipal Socialista de Oviedo (AMSO) concediulle o premio Purificación Tomás.[1] Ademais, aprobou nomear a biblioteca do barrio de Pumarín na súa honra. En setembro dese mesmo ano, o Principado de Asturias concedeulle a medalla de prata de Asturias,[1] que non puido recoller por enfermidade. A condecoración foille entregada persoalmente no seu domicilio.
En febreiro do 2000, a Tertulia Feminista Les Comadres, da que foi vicepresidenta, nomeouna Comadre de Ouro especial.[4] Unha praza do barrio de Montevil, en Xixón, leva o seu nome. No ano 2001, constituiuse na mesma cidade unha asociación co seu nome, a Asociación de Mulleres Progresistas Sara Suárez Solís, unha entidade non gobernamental, feminista, laica, progresista e sen ánimo de lucro. O seu obxectivo é contribuír a promover a liberdade e o apoderamento das mulleres.
Entre os premios literarios recibidos pola autora, destacan os seguintes:
- Premio de Asturias de novela (1984) pola súa novela Un jardín y un silencio.
- XXXV Premio Ateneo Cidade de Oviedo de novela curta por Blanca y radiante.[1]
- El léxico de Camilo José Cela (1968)
- Camino con retorno (1978)
- Análisis de «Belarmino y Apolonio» (1978)
- Juegos de verano (1982)
- Aportación al léxico de Luanco (1983)
- Un jardín y un silencio (1985)
- Blanca y radiante (1988)
- ¡Mujer, Mujer...! (1991)
- Sonata para doce manos (1996)
- Retablo de paseantes (1998)
- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 "Mujeres asturianas destacadas: Base de datos" (PDF). Wayback Machine. Archived from the original on 24/01/2014. Consultado o 05/01/2024.
- ↑ Cuartas, Javier (2000-06-20). "NECROLÓGICAS". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2024-01-05.
- ↑ 3,0 3,1 "Contemplando el horror. "Camino con retorno" de Sara Suárez Solís, una radiografía del franquismo » Jesús Aller". www.jesusaller.com. Consultado o 2024-01-05.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "'Claro y Alto', de Sara Suárez Solís". www.comadresfeministas.com. Consultado o 2024-01-05.