Super Aguri F1
Colaboradores dos proxectos da Wikimedia
Article ImagesNome completo | Super Aguri Formula One Team |
---|---|
Bandeira | Xapón |
Baseada en | Leafield, Oxfordshire, Reino Unido e Toquio, Xapón |
Tempadas en activo | 3 (2006 - 2008) |
Número de pilotos | 5 |
Debut | Gran Premio de Bahrain de 2006 |
Carreiras | 39 |
Campionatos de Construtores | 0 |
Campionatos de Pilotos | 0 |
Vitorias | 0 |
Pole positions | 0 |
Voltas Rápidas | 0 |
Puntos totais | 4 |
Derradeiro GP | Gran Premio de España de 2008 |
Super Aguri Formula One, tamén coñecida como Super Aguri F1 ou Super Aguri, foi unha escudería de Fórmula 1 xaponesa, que participou na categoría durante tres tempadas, desde 2006 até 2008. Foi fundada polo expiloto xaponés de F1 Aguri Suzuki, que exercía de Xefe de Equipo, sendo Mark Preston o Director Técnico e Paul Bowen o Enxeñeiro Xefe. Con sede social en Toquio, Xapón, posúe a fábrica e as antigas instalacións de Arrows en Leafield[1], no condado de Oxfordshire do Reino Unido.
Formada co apoio de Honda, estaba considerada como unha especie de equipo B non oficial [Cómpre referencia]. Esta subminístralle os motores dos monoprazas, e dálle certa cobertura financeira en momentos necesarios e puntuais, como no pago dos 48 millóns de dólares necesarios para o ingreso da escudería na competición [Cómpre referencia].
O día 6 de maio de 2008, Aguri Suzuki confirmou a retirada da escudería da competición con efectos inmediatos por motivos económicos. Logo de dous días, Super Aguri foi posta en mans de administradores independentes, co obxectivo de atoparen un comprador.
A creación da escudería
Pouco antes do remate da tempada de 2005, concretamente a principios de outubro, comezaron a xurdir certos rumores [Cómpre referencia] sobre a posibilidade de que algúns equipos poderían estar preparando escuderías B, aludindo á intención de Red Bull Racing da establecer un novo equipo de promesas que logo cristalizaría na Scuderia Toro Rosso, ou a posíbeis pactos entre Direxiv e McLaren[2], ou, no caso de Honda, con Super Aguri[3][4], que aínda que non tiña experiencia na Fórmula 1, si que a tiña noutras competicións, por exemplo coa escudería Super Aguri Fernández Racing da IRL.
Por outra banda, despois de que BAR, que tras ser mercada na súa totalidade por Honda remataba a súa andaina na Fórmula 1, decidira prescindir de Takuma Sato semellaba que este piloto non ía conseguir un asento titular en ningunha escudería en competición para a tempada de 2006. Debido á gran popularidade e cariño co que este piloto conta no seu país natal, o Xapón, os seareiros comezaron a meter presión a Honda, tamén xaponesa, para que esta lle renovase o contrato, ou que polo menos lle buscase un posto de piloto titular [Cómpre referencia]. Porén, Honda xa tiña cubertos os seus dous postos con Jenson Button e con Rubens Barrichello.
Pouco despois da confimación de Honda de que estes ían se-los seus pilotos titulares, Sato anunciaba que lle chegara unha oferta para o equipo B[5], do que a esas alturas aínda non se sabía apenas nada, excepto certos asentimentos do proxecto por parte de Nick Fry[6], Xefe de Equipo de Honda Racing.
O 1 de novembro de 2005, 15 días antes do remate do prazo de inscrición para a tempada do ano seguinte, Aguri Suzuki convocaba unha rolda de prensa na que se facía a presentación do equipo e se comunicaba a intención de que Super Aguri, respaldada por Honda, formase parte das grellas de saída de 2006[7]. Pero a escudería non figuraba na lista definitiva de confirmación de participantes publicada pola FIA[8], feita pública o día 1 de decembro, debido a que os 48 millóns de dólares non chegaran a tempo antes da data límite[9].
Isto deixaba á escudería xaponesa nunha situación bastante complicada, aínda que restaba unha segunda oportunidade, o ingreso mediante o beneplácito unánime do resto das escuderías en competición [Cómpre referencia] e por suposto, o posterior aboamento dos 48 millóns de dólares necesarios. O día 21 de decembro, confirmábase dende a escudería de Aguri Suzuki que se conseguiran os 10 asinamentos dos demais equipos[10], e o 26 de xaneiro de 2006 a FIA comunicaba oficialmente que Super Aguri cumprira cos dous requisitos e a súa inscrición na competición[11]. Porén, houbo moitas dificultades na recolección de asinamentos, pois Renault e Ferrari opuxéronse inicialmente, retirando as súas trabas pouco despois [Cómpre referencia], Williams esixía probas de que ía ser un equipo estábel [Cómpre referencia], e Midland negábase incondicionalmente case até o final.[12]
Tempada de 2006: Comezos difíciles
A tempada de 2006 presentábaselle moi complicada para Super Aguri, principalmente por dous motivos: a inexperiencia da escudería na Fórmula 1 e o pouco tempo restante para deseñar e construír xa non un monopraza competitivo, senón simplemente un chasis.
De feito, o día seguinte á confirmación de que tiñan os 10 asinamentos, dende Super Aguri admitíase que non lles daría tempo a ter un monopraza novo dispoñíbel para o primeiro Gran Premio da tempada[13]. Polo tanto, pensaron en dúas solucións, ou empregaren uns chasis da tempada de 2005 cedidos por Honda (os BAR Honda 007) [Cómpre referencia] ou mercaren os monoprazas dunha escudería que xa non estivese en liza e adapta-lo chasis á normativa actual.
A primeira opción, a do Bar Honda 007, ficaba descartada axiña, pois o Pacto da Concordia establecía que unha escudería debía posuír a propiedade intelectual sobre o seu chasis ou que os posuíse unha escudería que xa non competise [Cómpre referencia]. Restaba a opción de mercar uns monoprazas antigos para adapta-lo chasis, que foi a que se tomou finalmente, mercándolle a Paul Stoddart, ex-propietario de Minardi e coleccionista de coches, un Arrows A23 de 2002[14], que tras ser adaptado, deu como resultado o Super Aguri SA05, equipado cun motor Honda RA806E 2.4 V8 e con pneumáticos Bridgestone, que se utilizaría até que rematasen de construír un chasis novo.
O día 15 de febreiro facíanse públicos os pilotos oficiais que ían conducir para Super Aguri, en principio para toda a tempada, Takuma Sato e Yuji Ide, ámbolos dous xaponeses.[15], sendo o francés Franck Montagny o terceiro piloto. O 14 de febreiro, o Super Aguri SA05 debutaba en adestramentos libres no Circuíto de Kemble, Reino Unido[16]; e 14 días despois desvelábanse nuns tests en Silverstone as cores coas que a escudería ía competir nesta tempada, o vermello e o branco[17]. Nos tests anteriores, o monopraza sempre corría de totalmente pintado de branco[16].
O comezo da tempada en marzo foi moi titubeante, con Sato rematando a carreira no derradeiro posto dos que completaran a quilometraxe completa da carreira, e Ide retirándose por problemas mecánicos en ámbalas dúas carreiras. No terceiro Gran Premio, os dous pilotos foron capaces de completaren a distancia de carreira, notándose unha leve melloría no rendemento do monopraza.
Pero a cuarta carreira da tempada, o Gran Premio de San Marino trouxo un golpe moi duro para Ide, pois na primeira volta tivo unha colisión con Christijan Albers que fixo que o holandés tivese que retirarse. Este accidente fixo que os comentarios sobre a inexperiencia do piloto xaponés[18] cristalizasen na cesión do seu posto como piloto titular a Montagny o 5 de maio [Cómpre referencia], seguindo Super Aguri o consello recibido neste asunto pola Federación Internacional do Automóbil[19]. Cinco días despois, a Superlicenza de Ide sería revogada[20], polo que non pode correr de novo nun monopraza de Fórmula 1 até 2007 [Cómpre referencia].
No Gran Premio de Europa, Super Aguri contou por primeira vez cun terceiro monopraza no adestramento libre do venres, pilotado por Montagny[21]. Até esa carreira, era a única escudería, das que tiñan permiso para utilizalo, que non facía correr o seu terceiro coche [Cómpre referencia].
O Gran Premio de Alemaña marcou un novo punto de inflexión na tempada da escudería, pois sería o primeiro no que o SA06 co mesmo motor que o seu predecesor, participaría [Cómpre referencia]. Aínda que sen ser quen de remata-la quilometraxe establecida, impresionou grazas ós postos acadados na cualificación, na que superou os monoprazas de Midland. Inicialmente o seu debut estaba planificado para o Gran Premio anterior, o de Francia[22]. Ademais, en Alemaña Montangy deixoulle o posto de segundo piloto titular ó xaponés Sakon Yamamoto, quen sería o condutor que remataría a tempada.
Nos seguintes Grandes Premios, o rendemento do Super Aguri mellorou, chegando Sato a acadar a décima posición en Brasil, o derradeiro da tempada, onde Yamamoto logrou a sétima mellor volta en carreira, a menos dun segundo da volta rápida. A nota negativa desta segunda metade da tempada foi a descualificación de Sato en China por ignora-las bandeiras azuis que sinalan que un piloto está a piques de ser dobrado [Cómpre referencia].
A tempada 2006 rematou con esta escudería no undécimo e derradeiro posto da cualificación de escuderías, con 0 puntos, igual que os seus catro pilotos durante ese ano. Sato remataría vixésimo terceiro, Ide vixésimo cuarto, Montagny vixésimo quinto e Yamamoto vixésimo sexto.
Tempada de 2007: Chegan os primeiros resultados
Os plans para o 2007 de Super Aguri, comezaban a desvelarse o 15 de novembro de 2006, cando se anunciaba que os pilotos titulares serían Takuma Sato e Anthony Davidson, antigo terceiro piloto de Honda[23]. Ademais, o 17 de decembro de 2006 confirmouse que o piloto holandés Giedo van der Garde foi contratado como terceiro piloto para o ano 2007[24], e nove días despois confirmábase a Sakon Yamamoto no posto de segundo piloto de probas[25]
A finais de xaneiro, comezaron a chegar malas novas para Super Aguri, xa que o día 22, se confirmaba que o Super Aguri SA07 non pasara o primeiro crash test da FIA[26] necesario para competir cando a parte traseira do monopraza se esnaquizou máis do permitido [Cómpre referencia], o que ocasionou un redeseño que demorou a presentación do coche até dous días antes dos primeiros adestramentos libres da tempada. Así mesmo, o día 2 de febreiro, Spyker F1 confirmaba a Van Der Garde como piloto probador ante as protestas de Super Aguri, os cales afirmaban ter un contrato válido[27] , provocando así a primeira das batallas legais[28] entre as dúas escuderías, que previsibelmente será continuada por mor dos dereitos de propiedade intelectual do SA07, xa que Spyker afirma que pertencen a Honda e polo tanto non poden utiliza-lo monopraza[29].
Xa sobre a pista, o rendemento do SA07 permitiu á escudaría atinxir mellores resultados dos esperados, amosando a súa capacidade cando na cualificación do GP de Australia, o primeiro do ano, lograron pasa-lo primeiro corte e rematar Davidson 10º e Sato 11º. No GP de España Takuma Sato conseguiu o primeiro punto na historia de escudaría cando acadou o oitavo posto, resultado que se vería mellorado no GP do Canadá cando Sato de novo finalizou sexto, conseguindo outros tres puntos.
O 26 de xullo, o piloto de probas Sakon Yamamoto abandonaba a disciplina do equipo para correr para Spyker F1[30].
Tempada de 2008: Catro GP's e retirada da competición
Resultados completos en Fórmula 1
(Lenda) (Os resultados en letra grosa indican que o piloto acadou a pole position.)
Ano | Chasis | Motor | Rodas | Pilotos | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2006 (0 pts, 11º) |
SA05\SA06 | Honda RA806E 2.4 V8 | B | BAH | MAL | AUS | SAN | EUR | ESP | MON | RU | CAN | USA | FRA | ALE | HUN | TUR | ITA | CHN | XPN | BRA | |
Takuma Sato | 18 | 14 | 12 | Ret | Ret | 17 | Ret | 17 | 15 | Ret | Ret | Ret | 13 | NC | 16 | DSC | 15 | 10 | ||||
Yuji Ide | Ret | Ret | 13 | Ret | ||||||||||||||||||
Franck Montagny | Ret | Ret | 16 | 18 | Ret | Ret | 16 | |||||||||||||||
Sakon Yamamoto | Ret | Ret | Ret | Ret | 16 | 17 | 16 | |||||||||||||||
2007 (4 pts, 9º) |
SA07 | Honda RA807E 2.4 V8 | B | AUS | MAL | BAH | ESP | MON | CAN | USA | FRA | RU | EUR | HUN | TUR | ITA | BEL | XPN | CHN | BRA | ||
Takuma Sato | 12 | 13 | Ret | 8 | 17 | 6 | Ret | 16 | 14 | Ret | 15 | 18 | 16 | 15 | 15 | 14 | 12 | |||||
Anthony Davidson | 16 | 16 | 16 | 11 | 18 | 11 | 11 | Ret | Ret | 12 | Ret | 14 | 14 | 16 | Ret | Ret | 14 | |||||
2008 (0 pts, 11º) |
SA08 | Honda RA808-E V8 | B | AUS | MAL | BAH | ESP | TUR | MON | CAN | FRA | RU | ALE | HUN | EUR | BEL | ITA | SIN | XPN | CHN | BRA | |
Takuma Sato | Ret | 16 | 17 | 13 | RetM | |||||||||||||||||
Anthony Davidson | Ret | 15 | 16 | Ret | RetM |
Piloto | Monoprazas | Dorsais | Grand Prix disputados |
Mellor clasificación |
Abandonos | Chegadas nos puntos |
Mellor clasificación en carreira |
Puntos conseguidos |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Takuma Sato | SA05 SA06 SA07 SA08 |
22 22 22 18 |
11 7 17 4 |
17º 17º 10º 19º |
5 1 3 1 |
0 0 2 0 |
12º 10º 6º 13º |
0 0 4 0 |
Yuji Ide | SA05 | 23 | 4 | 18º | 3 | 0 | 13º | 0 |
Franck Montagny | SA05 | 23 | 7 | 19º | 4 | 0 | 16º | 0 |
Sakon Yamamoto | SA06 | 23 | 7 | 19º | 4 | 0 | 16º | 0 |
Anthony Davidson | SA07 SA08 |
23 19 |
17 4 |
11º 21º |
5 2 |
0 0 |
11º 15º |
0 0 |
- ↑ (en castelán) Super Aguri quere usar monoprazas de Arrows, en gp.update.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Rumores de pacto entre Direxiv e McLaren para crearen unha segunda escudería Arquivado 05 de decembro de 2005 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Creará Honda un equipo B?[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Está Super Aguri detrás do 11º equipo?[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Sato recibe unha oferta para o equipo B de Honda[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Nick Fry: "Posíbel 11º equipo en Fórmula 1"[Ligazón morta]
- ↑ (en inglés) A presentación de Super Aguri, en grandprix.com
- ↑ (en inglés) Lista de participantes de 2006 da FIA Arquivado 07 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ (en inglés) Falta Super Aguri, en grandprix.com
- ↑ (en inglés) Aguri Suzuki confirma que ten os 10 asinamentos, en grandprix.com
- ↑ (en castelán) A FIA confirma a inscrición de Super Aguri para 2006, en f1racing.net Arquivado 23 de febreiro de 2006 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Williams quere "unha proba" de Super Aguri, en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Super Aguri: "O coche non estará listo para o primeiro GP", en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Super Aguri: "O SA05 é diferente ó Arrows", en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Super Aguri confirma os seus pilotos para 2006, en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ 16,0 16,1 (en castelán) Super Aguri debuta en Kemble, en gpupdate.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Super Aguri desvela as súas cores para o 2006, en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Aguri: "Ide continúa, por agora", en gpupdate.net Arquivado 05 de setembro de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Montagny substituirá a Ide, en f1racing.net Arquivado 08 de xullo de 2006 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Ide quédase sen Superlicenza de Fórmula 1, en f1racing.net. Arquivado 08 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Super Aguri preparada para usa-lo terceiro monopraza, en f1racing.net Arquivado 13 de maio de 2006 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Super Aguri estreará o SA06 en Alemaña, en f1racing.net Arquivado 08 de xullo de 2006 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Davidson correrá para Super Aguri en 2007, en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Super Aguri ficha a Van der Garde como terceiro piloto, en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ (en castelán) Yamamoto será o segundo probador de Super Aguri, en f1racing.net[Ligazón morta]
- ↑ (en inglés) Super Aguri, forzado a atrasa-la presentación do SA07
- ↑ (en castelán) Super Aguri:Temos un contrato válido con Van Der Garde Arquivado 12 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Super Aguri tomará accións legais contra Spyker Arquivado 10 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Spyker, preparado para denuncia-la fraude Arquivado 09 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ (en castelán) Spyker ficha a Yamamoto, en f1.gpupdate.net Arquivado 04 de agosto de 2007 en Wayback Machine.
- Páxina web oficial de Super Aguri (en inglés)
- Páxina non oficial feita por siareiros de Super Aguri (en inglés)
Os monoprazas de Super Aguri | |||||||
SA05 - 2006 | SA06 - 2006 | SA07 - 2007 | SA08 - 2008 |